Estimulación da linguaxe. Orientacións para as familias

O contorno familiar non só é o ámbito natural para o desenvolvemento da comunicación, é tamén o único que pode proporcionar unha estimulación intensiva ao longo dos 365 días do ano. Por outra parte, esta estimulación está profundamente unida ás condutas espontáneas e naturais da vida cotiá.
Dentro das actividades da vida diaria hai algunhas que, pola especial relación que se produce entre o neno e os pais, son moi apropiadas para a estimulación da linguaxe: a comida, o baño, o vestirse, o deitarse, cando o/a fillo/a xoga...

                           Tiphanie Beeke
As distintas actividades da vida diaria son moi axeitadas para estimular a linguaxe das nenas e dos nenos.
Pero ademais non só se poden aproveitar estas situacións naturais e espontáneas da vida diaria para a estimulación da linguaxe do/da neno/a, tamén podemos provocar nós algunhas situacións como comprar un conto e lerllo ou polo menos mirar os debuxos, contarlle algún conto adaptado á súa idade, ir a unha feira, ao campo, ao parque... e comentar o que vemos.
                                   Carolyn Croll

                        Aga Kowalska



ALGUNHAS ACTIVIDADES MÁIS CONCRETAS


Non darlle demasiados mecos
  • A sobreprotección atrasa o desenvolvemento xeral e, polo tanto, a linguaxe. Débese fomentar a autonomía, animándoo a facer cousas e valorar o que fai aínda que sexa imperfecto.

Calquera forma de comunicación é interesante
  • Favorecer un clima familiar agradable no que o/a neno/a experimente o pracer e a necesidade de comunicarse. Esta comunicación pode ser oral, utilizando algún son ou palabra, e tamén xestual, sinalando ou indicando algo coa man.

Ofrecer bos modelos de expresión oral
  • Non falarlle á présa.
  • Evitar a afectación e o meco ao falarlle.
  • Articular ben.
  • Utilizar un vocabulario adaptado ao/á neno/a, pero facendo este cada vez máis amplo.
  • Evitar os ruídos de fondo que dificultan a discriminación auditiva.
  • Fomentar a conversa aínda que, por parte do/da neno/a, sexa moi sinxela.

Favorecer a mobilidade e a axilidade dos órganos buco-faciais
  • Xogar a poñer caras feas, a facer movementos da lingua, a facer vibrar os labios… e observar a cara nun espello.
  • Acostumar o/a neno/a a utilizar un pano cantas veces o necesite e a limpar os mocos correctamente de forma autónoma.

Favorecer a percepción auditiva
  • Chamar a atención sobre algún son e pedirlle silencio para escoitar mellor, procurando que centre a atención no que oe: ”parece que chamaron á porta, ¿quen será?”, “óense voces, ¿quen chegaría?”
  • No campo: óese cantar un paxaro, ¿onde estará? Igualmente escoitamos as ras dun estanque, o zoar do vento entre as árbores, os sons doutros animais, o son da choiva...
  • Na cociña: fixámonos no ruído da batedor, do muíño, no son rítmico de bater os ovos, da auga da billa…
  • Cando lemos un conto ou xogamos co/coa neno/a, imitar as voces das distintas personaxes, enfatizando a entoación.
                         Marty Jones

  • Xogar a adiviñar polo son o que acontece en sitios próximos: ¿a ver se adiviñas que pasa na rúa?, ¿que fai mamá na cociña?, ¿que programas emiten na tele?...
  • Pechamos os ollos e escoitamos un anuncio da tele intentando identificar distintos sons.
  • Confeccionar un “dicionario infantil” utilizando debuxos feitos polo/pola neno/a, recortes de publicidade... e ir clasificándoos pola súa letra inicial e engadindo os que vaian xurdindo.


Que fomenten a correcta articulación
  • Cando un neno ou unha nena ten dificultades específicas nalgún fonema, non convén que as persoas adultas fixen constantemente a súa atención e a do neno ou nena sobre este defecto. É mellor devolverllo ben pronunciado, poñendo énfase na articulación correcta pero sen chamar a atención do rapaz ou da rapaza sobre o fonema mal articulado.

Que amplíen o vocabulario comprensivo e expresivo
  • Observar o que vemos polas fiestras da casa.
  • Comentar o que vemos a través da fiestra do coche adaptándonos á idade do/da neno/a: animais, árbores, edificacións, características da paisaxe...
  • Nos contos con pouco texto e abundantes imaxes, ir nomeando o que aparece nos debuxos, fotos, láminas... segundo o seu interese.
  • Cando facemos algunha reparación na casa (ao ordenar caixóns, armarios…) buscar a colaboración do/da neno/a e ir verbalizando o que facemos. Da mesma maneira podemos proceder cando facemos unha ensalada, un pastel ou outra comida.


                                                 Abby Carter

  • Ao saír de compras, comentar as cousas que hai na tenda. Nomear o máximo de cousas e non só o que se vai comprar.

                                               Jannie Ho

  • Aproveitar a excursión ao campo ou unha saída ao parque para ampliar o seu vocabulario.
  • Fomentar e propiciar as situacións de diálogo . Falarlle e escoitalo/la moito, de maneira que se estableza unha situación estimulante, desde o punto de vista lingüístico, na que o/a neno/a reciba numerosas e variadas mensaxes e sexa incitado/da a responder activamente coa súa propia linguaxe.

                                 Mick Reid
  • Responder as preguntas que faga: ¿que é?, ¿para que serve?, ¿por que? Convén que as respostas sexan sinxelas e teñan un carácter explicativo.
  • Comentar en voz alta o que se está a facer.
  • Comezar a resposta do/da neno/a dicíndolle a primeira sílaba, palabra ou frase para que a remate: ”poñemos o panta…”, “a tesoira serve para…” Non importa que a resposta sexa incorrecta, como “eta” por chaqueta ou “atos” por zapatos. O importante é que se exprese. Nós reforzaremos a resposta devolvéndolle a palabra completa, pero sen corrixila de forma explícita.
  • Recoller o enunciado que construíu mal e devolverllo aplicándolle algunha corrección e/ou ampliación.
- Nai: ¿que é?
- Neno: u fate
- Nai: un elefante grande
- Nai: ¿qué é?
- Neno: ote
- Nai: si, un coche vermello

FACER DA ESTIMULACIÓN DA LINGUAXE UN XOGO DIVERTIDO NO QUE TOMAN PARTE OS NENOS E/OU AS NENAS E AS SÚAS FAMILIAS  



Estas recomendacións están extraídas dun material elaborado pola Xunta de Galicia e mailos Equipos de Orientación específicos.

    6 comentarios:

    1. HOLA DOLORES, MUCHISIMAS GRACIAS POR TU COMENTARIO EN MI BLOG, ACABO DE CONNOCER EL TUYO Y ME ENCANTA,LAS IMAGENES Y LOS CONSEJOS GENIALES!! UN ABRAZO Y SEGUIMOS EN CONTACTO!!

      ResponderEliminar
    2. Por supuesto que si, estar en contacto es la mejor forma de aprender unos de otros y enriquecerse con nuevas ideas! Gracias a ti por la entrada Maria José!
      Un abrazo grandote

      ResponderEliminar
    3. Ola Dolores, eu coñecín o teu blog gracias a entrada de María José e gustoume tanto que quedeime de seguidora. Voute poñer tamén no meu blogroll de blogs de PT e AL. Un bico.

      ResponderEliminar
    4. Ola Ana ¡moitas gracias polas túas palabras! :))
      Onte boteille unha ollada a Aula Tic e xa o puxen no meu listado de blogues porque me encantou. Unha aperta!!

      ResponderEliminar
    5. Viva o blogue de Dolores! Boísimas recomendacións! Grazas pola túa axuda estes primeiros días! Bicos compi!

      ResponderEliminar
    6. Moitas gracias Saleta! ;)) Vexo que xa puxeches as fotiños ¡agora mesmo paso a velas! Unha aperta!!

      ResponderEliminar

    Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...