Conto acumulativo co son "R" forte

O son "R" forte é un dos que máis dificultade lles supón aos nos@s alumn@s de educación infantil. É preciso practicar con palabras que conteñan ese son e este contiño de animais que levan o "R" no seu nome vainos axudar a facelo.









Secuencias temporais

Estamos a traballar con secuencias temporais : ordeamos e despois verbalizamos. Isto axúdanos a organizar mellor o noso descurso, a expresar correctamente o que pasa primeiro, o que pasa despois e o que pasa ao final.







Se queredes practicar con máis secuencias, nestas actividades de JClic atoparedes moitas para ordear. Eleximos o número de secuencias (3, 4 ou 5)  pinchamos na imaxe (aparecerá unha liña ao mover o rato) e despois no cadro no que debemos colocala. Podedes acceder ás actividades  AQUÍ


Celebramos o Samaín


O Samaín é unha festa ancestral da cultura celta, na que se celebraba a fin dun ano e o comezo do novo.
Para eles significaba a fin do verán, da luz e o comezo do inverno.
Celebraban grandes banquetes e pensaban que os mortos esa noite podían moverse libremente pola terra.
Para protexer as súas casas poñían as caveiras dos inimigos vencidos na entrada, iluminadas con candeas. Así os espíritus non lles farían dano.
Esta tradición derivou no costume de tallar cabazas e iluminalas, común nos países cunha tradición celta.
Os emigrantes irlandeses levárona a Estados Unidos, onde derivou na festa de Halloween.
A celebración cristiana de Todos os Santos tamén ten a súa orixe no Samaín celta.
É importante conservar estas antergas tradicións que ainda que foron variando ao longo dos tempos non deixan de ser un reflexo daquelo que un día fomos. 



O conto "Indo para o Samaín" de Carlos e Sabela Labraña é o que elexín para contarlles na sesión de estimulación da linguaxe. Adapteille o texto e elaborei as ilustracións para axeitalo á nosa etapa educativa. 





E por último un xogo para ir ensaiando como queremos tallar a nosa cabaza ¿animádesvos? Pinchade na imaxe da cabaza para acceder.


Canción dos froitos do outono

Atopei en youtube esta bonita canción : "Frutos del otoño" e pareceume un complemento moi axeitado ao traballo que fixemos esta semán. Espero que vos guste.



Poema dos froitos de outono

Este é o poemiña que estamos a aprender esta semana. Se queredes podedes practicalo na casa, porque ainda que xa nos vai saindo "requetebén" sempre é bo darlle un repasiño. 


Actividades do outono

           Ilustración de Julia Woolf

Nas sesións de estimulación da linguaxe, estamos a falar do outono : fixemos o puzzle de Susi Dous e Renata, imos aprender un poemiña sobre os froitos do outono e traballamos vocabulario en galego cun "memori" moi divertido.



Puzzle de Susi Dous e Renata

Susi Dous e Renata foron dar un paseo polo bosque para ver o fermoso que está no outono. ¿Anímaste a colocar as pezas para ver a imaxe?

preview6 pieceSusi Dous e Renata

Unhas follas moi divertidas

Tendo en conta o motivad@s que están @s nos@s alumn@s co traballo en torno ao outono, ocurriuseme facer unha animación con follas para traballar as praxias. Como algúns xa me preguntaron cando a subía ao blogue, pois aquí a temos, para que poidades practicalas cando queirades.



O monte de Santa Marta de Babío

Como xa sabedes, Susi Dous a nova amiguiña que traballou connosco o son "S", vive no monte de Santa Marta que é o punto máis alto do noso concello. Cando ideei o conto, tiña claro o que quería conquerir con el : traballar a pronuncia do "s", traballar as praxias linguais e ubicar unha persoaxe imaxinaria nun entorno do noso concello. O certo é que estou moi contenta da acollida e do moito que lle gustou aos nenos e nenas. Coma moitos deles querían coñecer mellor o lugar onde vive Susi Dous, traio unhas fotiños :


Os castiñeiros están agora moi fermosos e o chan alfombrado de ourizos.

 Alí no cumio podemos ver un vértice xeodésico.


Gozamos dunhas vistas moi bonitas de Sada e da nosa ría.


Quen é esta serpe tan simpática?


A vindeira semana nas sesións de estimulación da linguaxe oral coñeceremos unha serpe moi simpática chamada Susi Dous. 
Que será o que máis lle gusta?
A quen coñecerá?
Onde vive Susi Dous?
Teremos que esperar ao conto para descobrir todas estas incógnitas...
Só darei unha pistiña : Susi Dous vive no lugar máis alto, máis alto do concello de Bergondo.

Sabedes onde atopala??

Estimulación da linguaxe. Orientacións para as familias

O contorno familiar non só é o ámbito natural para o desenvolvemento da comunicación, é tamén o único que pode proporcionar unha estimulación intensiva ao longo dos 365 días do ano. Por outra parte, esta estimulación está profundamente unida ás condutas espontáneas e naturais da vida cotiá.
Dentro das actividades da vida diaria hai algunhas que, pola especial relación que se produce entre o neno e os pais, son moi apropiadas para a estimulación da linguaxe: a comida, o baño, o vestirse, o deitarse, cando o/a fillo/a xoga...

                           Tiphanie Beeke
As distintas actividades da vida diaria son moi axeitadas para estimular a linguaxe das nenas e dos nenos.
Pero ademais non só se poden aproveitar estas situacións naturais e espontáneas da vida diaria para a estimulación da linguaxe do/da neno/a, tamén podemos provocar nós algunhas situacións como comprar un conto e lerllo ou polo menos mirar os debuxos, contarlle algún conto adaptado á súa idade, ir a unha feira, ao campo, ao parque... e comentar o que vemos.
                                   Carolyn Croll

                        Aga Kowalska



ALGUNHAS ACTIVIDADES MÁIS CONCRETAS


Non darlle demasiados mecos
  • A sobreprotección atrasa o desenvolvemento xeral e, polo tanto, a linguaxe. Débese fomentar a autonomía, animándoo a facer cousas e valorar o que fai aínda que sexa imperfecto.

Calquera forma de comunicación é interesante
  • Favorecer un clima familiar agradable no que o/a neno/a experimente o pracer e a necesidade de comunicarse. Esta comunicación pode ser oral, utilizando algún son ou palabra, e tamén xestual, sinalando ou indicando algo coa man.

Ofrecer bos modelos de expresión oral
  • Non falarlle á présa.
  • Evitar a afectación e o meco ao falarlle.
  • Articular ben.
  • Utilizar un vocabulario adaptado ao/á neno/a, pero facendo este cada vez máis amplo.
  • Evitar os ruídos de fondo que dificultan a discriminación auditiva.
  • Fomentar a conversa aínda que, por parte do/da neno/a, sexa moi sinxela.

Favorecer a mobilidade e a axilidade dos órganos buco-faciais
  • Xogar a poñer caras feas, a facer movementos da lingua, a facer vibrar os labios… e observar a cara nun espello.
  • Acostumar o/a neno/a a utilizar un pano cantas veces o necesite e a limpar os mocos correctamente de forma autónoma.

Favorecer a percepción auditiva
  • Chamar a atención sobre algún son e pedirlle silencio para escoitar mellor, procurando que centre a atención no que oe: ”parece que chamaron á porta, ¿quen será?”, “óense voces, ¿quen chegaría?”
  • No campo: óese cantar un paxaro, ¿onde estará? Igualmente escoitamos as ras dun estanque, o zoar do vento entre as árbores, os sons doutros animais, o son da choiva...
  • Na cociña: fixámonos no ruído da batedor, do muíño, no son rítmico de bater os ovos, da auga da billa…
  • Cando lemos un conto ou xogamos co/coa neno/a, imitar as voces das distintas personaxes, enfatizando a entoación.
                         Marty Jones

  • Xogar a adiviñar polo son o que acontece en sitios próximos: ¿a ver se adiviñas que pasa na rúa?, ¿que fai mamá na cociña?, ¿que programas emiten na tele?...
  • Pechamos os ollos e escoitamos un anuncio da tele intentando identificar distintos sons.
  • Confeccionar un “dicionario infantil” utilizando debuxos feitos polo/pola neno/a, recortes de publicidade... e ir clasificándoos pola súa letra inicial e engadindo os que vaian xurdindo.


Que fomenten a correcta articulación
  • Cando un neno ou unha nena ten dificultades específicas nalgún fonema, non convén que as persoas adultas fixen constantemente a súa atención e a do neno ou nena sobre este defecto. É mellor devolverllo ben pronunciado, poñendo énfase na articulación correcta pero sen chamar a atención do rapaz ou da rapaza sobre o fonema mal articulado.

Que amplíen o vocabulario comprensivo e expresivo
  • Observar o que vemos polas fiestras da casa.
  • Comentar o que vemos a través da fiestra do coche adaptándonos á idade do/da neno/a: animais, árbores, edificacións, características da paisaxe...
  • Nos contos con pouco texto e abundantes imaxes, ir nomeando o que aparece nos debuxos, fotos, láminas... segundo o seu interese.
  • Cando facemos algunha reparación na casa (ao ordenar caixóns, armarios…) buscar a colaboración do/da neno/a e ir verbalizando o que facemos. Da mesma maneira podemos proceder cando facemos unha ensalada, un pastel ou outra comida.


                                                 Abby Carter

  • Ao saír de compras, comentar as cousas que hai na tenda. Nomear o máximo de cousas e non só o que se vai comprar.

                                               Jannie Ho

  • Aproveitar a excursión ao campo ou unha saída ao parque para ampliar o seu vocabulario.
  • Fomentar e propiciar as situacións de diálogo . Falarlle e escoitalo/la moito, de maneira que se estableza unha situación estimulante, desde o punto de vista lingüístico, na que o/a neno/a reciba numerosas e variadas mensaxes e sexa incitado/da a responder activamente coa súa propia linguaxe.

                                 Mick Reid
  • Responder as preguntas que faga: ¿que é?, ¿para que serve?, ¿por que? Convén que as respostas sexan sinxelas e teñan un carácter explicativo.
  • Comentar en voz alta o que se está a facer.
  • Comezar a resposta do/da neno/a dicíndolle a primeira sílaba, palabra ou frase para que a remate: ”poñemos o panta…”, “a tesoira serve para…” Non importa que a resposta sexa incorrecta, como “eta” por chaqueta ou “atos” por zapatos. O importante é que se exprese. Nós reforzaremos a resposta devolvéndolle a palabra completa, pero sen corrixila de forma explícita.
  • Recoller o enunciado que construíu mal e devolverllo aplicándolle algunha corrección e/ou ampliación.
- Nai: ¿que é?
- Neno: u fate
- Nai: un elefante grande
- Nai: ¿qué é?
- Neno: ote
- Nai: si, un coche vermello

FACER DA ESTIMULACIÓN DA LINGUAXE UN XOGO DIVERTIDO NO QUE TOMAN PARTE OS NENOS E/OU AS NENAS E AS SÚAS FAMILIAS  



Estas recomendacións están extraídas dun material elaborado pola Xunta de Galicia e mailos Equipos de Orientación específicos.